O Grupo Operativo Piña avanza no traslado ó monte de planta de coníferas mellorada, máis produtiva e rendible

No 2025 instalaranse as primeiras parcelas demostrativas de piñeiro radiata da máxima calidade xenética e no 2026 iniciarase a súa venda nos viveiros galegos

Campo de pés nai de piñeiro do país (dereita) e de piñeiro radiata, recén implantado (esquerda).
Campo de pés nai de piñeiro do país (dereita) e de piñeiro radiata, recén implantado (esquerda).

O viveiro de Maceda (Tragsa) acolleu este mércores 7 de novembro unha xornada sobre a produción de planta de coníferas con mellora xenética. O evento organizouse a través do Grupo Operativo Piña, coordinado pola Fundación Arume, que se creou co obxectivo de impulsar a mellora xenética das principais especies de coníferas do monte galego, o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o piñeiro radiata (Pinus radiata).

O Grupo busca aumentar o crecemento das árbores, mellorar a súa forma e gañar en resistencia a enfermidades e pragas. En Galicia estanse a implantar técnicas de produción innovadoras nos viveiros forestais galegos, para así ampliar a produción de planta de piñeiro de máxima calidade xenética.

É un proceso que se está executando por dúas vías: unha, multiplicación vexetativa por enraizado de estaquillas, e outra segunda, a embrioxénese somática + crioconservación, para capturar, multiplicar e conservar os mellores materiais xenéticos de piñeiro.

Resultados e avances en piñeiro do país (‘Pinus pinaster’)

As experiencias iniciadas en anos anteriores para a multiplicación vexetativa do piñeiro do país xa están a permitir a comercialización de planta de coníferas mellorada, con resistencia ó nematodo do piñeiro e garantía de mellora xenética (maiores volumes e rectitude, entre outras cualidades).

Un seguinte obxectivo que se marca o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, entidade colaboradora do Grupo, sitúase na obtención de planta de ‘Pinus pinaster’ de segunda xeneración de mellora xenética.

Sobre a base dos horto sementeiros actuais, a idea é seleccionar os mellores individuos, de xeito que se avance tanto na resistencia ó nematodo como nas cualidades da árbore (volumes, rectitude, ramosidade) e da súa madeira (módulo de elasticidade e densidade básica).

Visita ó viveiro de Tragsa.
Visita ó viveiro de Tragsa.

Inicio da multiplicación vexetativa do piñeiro radiata

En piñeiro radiata, a outra conífera con maior presenza no monte galego, é de destacar que a Fundación Arume emprendeu tamén este ano o proceso de multiplicación vexetativa de piñeiro radiata seleccionado.

A primeira fase do proxecto consistiu na recollida de sementes no horto sementeiro de Pena Fesa (Monfero, A Coruña), que se avaliou previamente e se seleccionou para o proxecto por ser o horto sementeiro galego de piñeiro radiata con maior produtividade.

Desde o Grupo Operativo Piña reevaluáronse as árbores de Pena Fesa, tendo en conta como criterios o volume do tronco, a forma e calidade de fuste e a ramosidade das árbores.

Así, fixouse un valor xenético mínimo para o carácter volume e a partir de aí fixéronse comprobacións en monte para verificar que se mantiñan os outros caracteres por enriba dos mínimos requiridos e sen defectos graves. O traballo desenvolveuse a través da colaboración da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, xunto co Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a empresa pública Tragsa.

O resultado foi a selección de 46 árbores de piñeiro radiata, dun total de 18 familias, do horto sementeiro de Pena Fesa, aos que se procedeu a subir, con plataforma ou escaladores, para a recollida de semente.

Esa semente cultivouse posteriormente en viveiro para confomar plantas de pés nai.

Nun inicio, participan na instalación de campos de pés nai os tres viveiros que están integrados no Grupo Operativo Piña: o viveiro de Maceda (Ourense) de Tragsa; Hifas Foresta (Pontevedra) e Costa de Lóngaras (Abadín, Lugo).

Eses campos de pés nai utilizaranse para amplificar a cantidade de planta conseguida. A expectativa é que cada un dos campos de pés nai instalados, con arredor de 600 plantas, permita a obtención de 50.000 plantas nun prazo de 3 anos.

“O proceso é poñer a xerminar a semente nunha maceta e despois proceder á colleita periódica de estaquillas, que se usan para producir nova planta. Os viveiros que imos acoller os campos de pés nai planificamos executalos con 600 plantas. En 2025 produciremos xa planta a nivel demostrativo e para 2026 podemos obter entre 20.000 e 30.000 plantas en cada un dos viveiros participantes”, detalla Francisco Lario.

Implantación de estaquillas colleitadas do campo de pés nai de piñeiro do país ('Pinus pinaster').
Implantación de estaquillas colleitadas do campo de pés nai de piñeiro do país ('Pinus pinaster').

Embrioxénese somática

Outra vía de traballo é a embrioxénese somática, un proceso in vitro, desenvolto en laboratorio, que permite a propagación clonal de árbores superiores. A partir de piña inmatura, de cada embrión cigótico é posible xerar decenas de embrións somáticos, de cada un dos cales poderá xerminar unha planta.

“Á vez que recollemos piña madura para os campos de pés nai, mostreamos a piña verde, que é o material de partida para a embrioxénese somática. Levamos esta piña verde a laboratorio para comprobar como de inmatura está a piña e volver ao horto sementeiro a recoller a piña no momento adecuado para o proceso de embrioxénese somática”, explica Francisco Lario.

Este proceso permitirá a captura de xenotipos clonais superiores, para a súa conservación en ultra-conxelación e posterior incorporación a programas de mellora xenética avanzada.

O interese da embrioxénese somática é que permite manter exactamente as mesmas características da árbore orixinal, a diferenza das sementes -empregadas para a multiplicación vexetativa-, que presentan características das dúas árbores proxenitoras.

Resultados esperados

A produción de planta mellorada de piñeiro radiata iniciarase no 2025, o que permitirá instalar parcelas demostrativas, como xa se fixo coa planta mellorada de piñeiro do país.

O obxectivo nos próximos anos é lograr planta de piñeiro radiata da categoría controlada, que non existe na actualidade en Galicia. A categoría controlada de mellora xenética (etiqueta azul) significa que a mellora xenética que achega esa planta tense testado e está garantida.

A nivel global, o obxectivo último é incorporar aos piñeirais galegos de piñeiro radiata a mellora xenética, de forma que nun futuro tanto propietarios como industrias se beneficien da produción e subministración de madeira de calidade.

Fernando Droppelmann, da Cooperativa de Mejoramiento Genético de Chile, durante unha ponencia que ofreceu para os integrantes do Grupo Operativo Piña.
Fernando Droppelmann, da Cooperativa de Mejoramiento Genético de Chile, durante unha ponencia que ofreceu para os integrantes do Grupo Operativo Piña.

Sobre o Grupo Operativo Piña

O Grupo Operativo Piña está conformado pola Fundación Arume (entidade coordinadora), a Asociación Forestal de Galicia, Hifas Foresta e viveiros Costa de Lóngaras.

Como entidades colaboradoras, está a Asociación Sectorial Forestal Galega, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Xunta de Galicia).

O Grupo ten ademais subscrito senllos acordos de colaboración con Tragsa e coa Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile.

O proxecto está cofinanciado con axudas para a execución de proxectos innovadores por grupos operativos da AEI da UE, convocadas pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal).

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.