LIÑAS ESTRATÉXICAS
Traballamos en catro áreas crave para impulsar a bioeconomía a partir da madeira de conífera: un recurso forestal, local e sostible.
Mellora xenética
A nosa misión é conservar os nosos montes, impulsando unha xestión responsable dos recursos forestais. Para logralo consideramos esencial apoiar a actividade científica no campo da mellora xenética forestal.
A xenética é unha disciplina científica que estuda as características das especies, como se expresan e transmiten dunha xeración a outra. Os programas de mellora xenética forestal seleccionan os individuos que reúnen as características desexadas en función do obxectivo marcado en cada caso e gardan as súas sementes para a seguinte xeración.
O noso reto principal é facilitar aos viveiros galegos a dispoñibilidade de planta de piñeiro procedente de mellora xenética. Os propietarios de montes, xestores e empresas de servizos forestais terán á súa disposición planta de piñeiro resistente ao nematodo e á banda marrón, dúas das principais ameazas fitosanitarias dos nosos montes. Coa planta mellorada obterase madeira de piñeiro de calidade procedente de plantacións sostibles de alta produtividade, con crecementos contrastados e quendas de curta que poden chegar a 20 e 25 anos en montes de calidade.
Bases de traballo
- Participar na elaboración do programa de mellora xenética de coníferas 2020-2024.
- Reforzar o equipo de mellora xenética do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
- Impulsar a colaboración en I+D entre expertos de Galicia, País Vasco, Aquitania e Portugal.
- Apoiar o desenvolvemento da reprodución vexetativa de coníferas nos viveiros forestais galegos e a tecnoloxía de embrioxénese somática.
- Promover e difundir o emprego de planta mellorada en novas plantacións de monte colaborando coa liña estratéxica “silvicultura e restauración ambiental de montes”.
Avances en curso
En Galicia temos a sorte de contar co Centro de Investigación Forestal de Lourizán, cuxos investigadores lograron catalogar seis novos proxenitores de familia de Pinus pinaster cunha maior resistencia ao nematodo do piñeiro e a súa semente pronto estará dispoñible nos viveiros galegos.
En liña co traballo desenvolvido en Lourizán, vemos a necesidade de reivindicar os esforzos da investigación forestal para mellorar a competitividade do sector. É o motivo polo cal estamos a traballar en estruturar unha campaña de promoción do uso de planta mellorada xeneticamente.
Ao mesmo tempo, empregaremos o noso papel integrador dos axentes da cadea de valor da madeira para impulsar nos próximos anos proxectos de I+D enfocados cara á reprodución vexetativa de piñeiros resistentes ao nematodo e a produción masiva de planta mellorada.