LIÑAS ESTRATÉXICAS

Traballamos en catro áreas crave para impulsar a bioeconomía a partir da madeira de  conífera: un recurso forestal, local e sostible.

Silvicultura e restauración ambiental de montes

Galicia é forestal. Posúe unha gran riqueza natural que necesitamos respectar, coidar e ordenar. A maneira de facelo é mediante silvicultura, a disciplina científica que engloba as técnicas para o cultivo, a conservación e a xestión dos montes.

O aumento na demanda de produtos derivados da madeira está a abrir numerosas oportunidades para a madeira de coníferas e para o sector forestal, un sector estratéxico e de vital importancia para Galicia. Por iso, unha das nosas metas é dar resposta ao mercado impulsando a obtención de madeira de calidade procedente de montes cunha silvicultura coidada e específica. Cada produto de madeira require un tratamento diferente das masas forestais (podas, densidades de plantación, quendas de curta…) porque a calidade da madeira está directamente relacionada cos tratamentos que reciben as árbores durante o seu crecemento.

O noso obxectivo é implantar modelos de produción de madeira de calidade, traballando en equipo con propietarios forestais e comunidades de montes. Para incentivar estas prácticas, difundiremos modelos de silvicultura contrastados, traballaremos para que os prezos da madeira se axusten á súa calidade e, deste xeito, conseguiremos produtos a base de madeira de maior valor engadido.

Bases de traballo

  • Restaurar ambientalmente os montes galegos afectados por incendios ou pragas mediante modelos silvícolas para a produción de madeira de alta calidade.
  • Impulsar a silvicultura do monte para combater o abandono.
  • Colaborar con propietarios forestais e comunidades de montes.
  • Promover a relación entre a silvicultura e os avances no ámbito da mellora xenética.
  • Traballar en conxunto coas organizacións de certificación de xestión forestal FSC e PEFC.
  • Crear dunha rede de montes demostrativos para formación forestal e exposición de resultados.

Avances en curso

É urxente restaurar ambientalmente os nosos montes. Os que foron arrasados por incendios forestais, os que foron afectados pola demarcación do nematodo, os que sufriron catástrofes naturais. É unha necesidade e, ao mesmo tempo, unha oportunidade. A oportunidade de converter os montes devastados nun exemplo para o futuro da silvicultura en Galicia.

Por iso estamos a traballar en atraer investidores para restaurar ambientalmente 30.000 hectáreas de monte galego durante os próximos 10 anos. Empregaremos modelos silvícolas dirixidos á produción de madeira de alta calidade e traballaremos en conxunto coa liña estratéxica de mellora xenética para que as plantas utilizadas sexan resistentes ás enfermidades principais que ameazan os nosos bosques.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.