Galicia plantou no 2022 a superficie máis alta de piñeiro dos últimos 15 anos
As coníferas recuperaron atractivo para o propietario forestal polos maiores prezos da súa madeira e as perspectivas dunha demanda crecente para usos de alto valor engadido. A comercialización de planta con mellora xenética elévase a un 47% do total, cando no 2019 representaba menos do 7% da planta producida
O piñeiro consolidou no 2022 a tendencia a un protagonismo en ascenso nas plantacións forestais galegas. Durante o último ano, as plantacións de piñeiro medraron un 17,6% en comparación coa media dos tres anos anteriores (2019-2021). En total, no 2022 plantáronse 4.832 hectáreas de coníferas, a cifra máis alta dos últimos 15 anos.
O aumento de prezos da madeira de piñeiro a partir do 2021, que chegou a ser de ata un 40-50% en madeira de calidade, fixo que as coníferas incrementasen atractivo para o propietario forestal. A recuperación do mercado de piñeiro chegou ademais para quedarse, pois as perspectivas internacionais apuntan a unha demanda crecente e estable ao longo das próximas décadas.
Este escenario coincide co impulso que a Fundación Arume lle está a dar ó piñeiro en Galicia. Creada no 2019, a partir dun acordo previo do outono do 2018, a Fundación Arume, na que participa toda a cadea do piñeiro da comunidade, está a traballar desde entón en catro eixos: mellora xenética, restauración de montes e silvicultura, marca (Pino de Galicia) e formación.
A creación da Fundación Arume supuxo un salto para as coníferas na comunidade, pois pasouse de anos que estaban por debaixo das 400 hectáreas plantadas (2016 e 2017) ou lixeiramente por riba (419 hectáreas no 2018) ás cifras dos últimos anos, cunha media de 4.288 hectáreas anuais plantadas no periodo 2019-2022. O último ano, ademais, presenta as mellores cifras de toda a serie histórica dos últimos 15 anos, con 4.832 hectáreas e máis de 6 millóns de plantas producidas nos viveiros forestais galegos.
Mellora xenética
Un segundo elemento a destacar é a tendencia crecente a incorporar planta con mellora xenética nas plantacións forestais. No 2022, un 47% da planta empregada corresponde ás dúas categorías xenéticas superiores (cualificada e controlada), cando no 2019 esa porcentaxe non chegaba ó 7%. Está a ser decisivo, neste sentido, o programa de reprodución vexetativa de planta mellorada que impulsou a Fundación Arume en colaboración coa Consellería do Medio Rural (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e con cinco viveiros forestais galegos.
De cara ó futuro, a perspectiva é que a planta maioritaria presente mellora xenética, ben da categoría de material controlado, ben da categoría de material cualificado.
O material controlado é a categoría superior de mellora xenética e correspóndese con planta que foi sometida a ensaios comparativos que garanten unha mellora en crecemento e calidade en relación á planta das categorías xenéticas inferiores (identificada e seleccionada). A planta con etiqueta cualificada é aquela que procede de hortos sementeiros con individuos seleccionados por cumprir uns requisitos a nivel fenotípico.