Galicia lanza a estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata para dar respostas ás necesidades dos propietarios forestais
A Fundación Arume presenta os resultados dun convenio de colaboración público – privado coa Consellería do Medio Rural, que xa permitiu impulsar o programa de mellora xenética do piñeiro do país (Pinus pinaster)
A Fundación Arume vén de presentar nunha xornada en Santiago os primeiros resultados do programa de mellora xenética das coníferas galegas, que se desenvolve por medio dun acordo de colaboración público – privado entre a propia Fundación, na que se integra toda a cadea do piñeiro de Galicia, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural.
A xornada deixou dúas cuestións principais, por un lado un primeiro balance do programa de mellora xenética do piñeiro do país (Pinus pinaster), no que se estivo a traballar no periodo 2021-2022, e por outra banda o anuncio do lanzamento do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, que dará resposta ás necesidades dos propietarios forestais.
Programa de mellora do Pinus pinaster
O programa de mellora xenética das coníferas acadou este ano un primeiro fito, coa posta en marcha en seis viveiros galegos dun programa de multiplicación vexetativa (por estaquillado) de piñeiros do país (Pinus pinaster) con mellora xenética e con altas resistencias á praga do nematodo do piñeiro.
O plan de mellora do piñeiro do país está a permitir así unha maior rapidez na produción de planta mellorada, de xeito que o seu lanzamento comercial nos viveiros galegos iniciarase en breve, primeiro en partidas limitadas, pero coa idea de que o acceso a esta planta mellorada sexa xeneralizado en poucos anos.
Como cuestión a ter en conta, os viveiros que traballan na multiplicación vexetativa do piñeiro do país mellorado xa advertiron de que o seu custo será superior ó da planta de piñeiro convencional. A ese respecto, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, anunciou na xornada de onte organizada pola Fundación Arume que Medio Rural contempla apoiar de xeito específico ás plantacións forestais que se fagan con planta mellorada, subvencionando “unha porcentaxe” do total do custo desta planta.
Lanzamento da estratexia de mellora xenética do Pinus radiata
En paralelo á mellora xenética do piñeiro do país, que continuará nos próximos anos, a Fundación Arume presentou hoxe a estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata. Trátase dunha especie que ten en Galicia unha importancia forestal similar ó piñeiro do país, pois o seu volume anual de cortas é moi semellante, en ambos casos preto dos 2 millóns de metros cúbicos de madeira ó ano.
O piñeiro radiata acada gran importancia sobre todo na provincia de Lugo e, en menor medida, en zonas da provincia da Coruña e de Pontevedra. É moi apreciado polos propietarios forestais, xa que en xeral ten menores turnos de corta que o piñeiro do país, pero presenta claras necesidades de mellora xenética, para acelerar máis os turnos de corta e para gañar resistencia a enfermidades, dúas cuestións clave que veñen demandando os propietarios forestais.
Para dar resposta a esas necesidades, o sector forestal galego emprenderá un programa de mellora xenética do piñeiro radiata que parte do traballo de selección feito nas dúas últimas décadas polo Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e pola Consellería do Medio Rural. Existen xa 8 parcelas en campo con material seleccionado, con arredor de 180 árbores superiores identificados. Ese material analizarase, para comprobar a súa orixe e diversidade xenética, e seleccionarase para instalar 5 ensaios novos en distintas zonas de Galicia, con prioridade para a provincia de Lugo.
A intención do CIF Lourizán é a de incluír tamén neses ensaios materiais xenéticos doutros programas mundiais, como o chileno ou o neozelandés, para comparar o resultado do programa de mellora xenético de Galicia co dos países pioneiros na mellora xenética do radiata. Valórase tamén a posibilidade de incluír nas parcelas de ensaio sementes doutras árbores sobresaíntes ou rodais selectos de propietarios privados que se poidan detectar en Galicia.
Como parte do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, xa se instalou un horto sementeiro en Sigüeiro (A Coruña), visitado este luns no marco da xornada organizada pola Fundación Arume, á que asistiron medio cento de profesionais ligados ó sector forestal.
En paralelo á instalación de parcelas de ensaio e horto sementeiros, o obxectivo da Fundación Arume pasa por desenvolver co piñeiro radiata un programa de multiplicación vexetativa similar ó xa en marcha co piñeiro do país, para acelerar o suministro de planta mellorada ó propietario.
Resistencias a enfermidades
De entre as 180 árbores superiores que ten identificadas Lourizán, o CIF xa fixo un primeiro ensaio con 55 delas e logrou identificar 7 familias que presentan polo menos un 50% máis de resistencias ó nematodo do piñeiro que o resto. Esas 7 familias son unhas primeiras candidatas a unha catalogación específica e a ser unha das bases da estratexia galega de mellora xenética do piñeiro radiata.
Está tamén sobre a mesa a opción de traballar a nivel xenético na obtención de piñeiros resistentes ó fungo das bandas, se ben esta é unha posibilidade que se terá que valorar en próximos anos, sobre todo se se detectan en monte árbores que presentan unha aparente resistencia dentro de piñeirais afectados polas bandas.