A irrupción da construción industrializada en madeira abre unha nova oportunidade para os montes de piñeiro e a industria da madeira de Galicia

Máis de 200 profesionais do sector forestal, a industria da madeira e prescriptores asistiron ó encontro Piñeiros 22, organizado pola Fundación Arume. No encontro analizouse a oportunidade que se lle abre ó sector forestal e á cadea da madeira coa irrupción da construción industrializada en madeira, unha tendencia en auxe en Europa e que está a despegar na Península Ibérica

Unha das mesas de expertos que se celebrou en Piñeiros 22.
Unha das mesas de expertos que se celebrou en Piñeiros 22.

Máis de 200 profesionais do sector forestal, a industria da madeira e prescriptores (arquitectos, construtores, etc.) déronse cita este martes no encontro Piñeiros 22, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura de Santiago. No encontro analizouse a oportunidade que se lle abre ó sector forestal e á cadea da madeira coa irrupción da construción industrializada en madeira, unha tendencia en auxe en Europa e que está a despegar na Península Ibérica.

O emprego da madeira nas estruturas dos edificios representa un cambio de paradigma, pois a edificación en altura con madeira reduce de xeito sustancial os tempos de construción, ao chegar todas as pezas á obra coas medidas e cortes precisos.

“No País Vasco, un proxecto de edificación de 68 vivendas en madeira rematou a súa montaxe en 12 semanas” - puxo como exemplo na xornada o arquitecto Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña-. “A madeira ten un gran potencial en edificios de altura media, 6 - 12 plantas, de cara a promover unha construción máis ecolóxica, pois o 60% da pegada de carbono dun edificio está na construción”, subliñou.

Unha das vantaxes claras da madeira é o seu papel como material que almacena carbono atmosférico, o que contribúe a mitigar o cambio climático. A este factor, a madeira suma outros puntos fortes, como o seu bo desempeño como illante térmico nas vivendas.

En España constrúense cada ano máis de 160.000 vivendas, das que actualmente menos do 1% se levanta en madeira estrutural, unha tendencia que se espera que cambie radicalmente nos próximos anos.

O presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España, Juan Antonio Gómez-Pintado, salientou tres obxectivos clave para lograr unha maior presenza da madeira estrutural na construción.

“En primeiro lugar, precísase unha maior capacidade de industrialización da madeira para construción, para o que é necesaria a obtención de boa materia prima nos montes e tecnoloxía para a súa transformación. En segundo lugar, hai que reducir custos, co que chegaremos ó terceiro obxectivo, facilitar un maior acceso á vivenda” -detallou-. “Se non melloramos a capacidade de acceso á vivenda da cidadanía, o impacto que teremos será insuficiente”, valorou.

Demanda

Para a produción dos novos materiais que esixe a construción en madeira (madeira contralaminada -CLT-, estruturas lixeiras en madeira maciza, laminados, etc.), os expertos coincidiron en que se precisará recurso en cantidade e calidade suficiente.

Ao fío diso, o Centro Pinus (Portugal), que aglutina á cadea forestal – madeira do país veciño, advertiu da necesidade de aumentar a superficie e volume de produción das coníferas en monte, xa que na actualidade o consumo de piñeiro da industria portuguesa da madeira é superior ó crecemento dos piñeiros en monte. “Houbo unha regresión dos montes de piñeiros, en boa medida propiciada polo abandono e por factores desincentivadores da actividade forestal, como os incendios e a praga do nematodo”, analizou a directora do Centro Pinus, Susana Carneiro.

Outro risco que perciben en Portugal é o aumento do consumo de madeira de piñeiro para pellets e centrais de biomasa, o que introduce unha competencia adicional polo recurso forestal.

En Galicia, estase a elaborar na actualidade unha análise da situación do recurso en monte, a cargo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), responsable de acometer o Inventario Forestal Continuo de Galicia. En canto ese Inventario estea rematado, poderase facer un diagnóstico da situación dos montes de coníferas na comunidade, pero desde a perspectiva do sector e da propia Administración xa se avanza que son necesarias máis plantacións de piñeiro en monte, e en masas sometidas a coidados silvícolas (podas e rareos), para garantir a produción de suficiente madeira de calidade nos próximos anos.

O encontro Piñeiros, organizado pola Fundación Arume e cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), contou cun panel de relatores que incluíu a destacados profesionais de España e Portugal, tanto do ámbito empresarial como do investigador e técnico, así como a representantes políticos.

Programa

O programa configurouse en tres coloquios temáticos. O primeiro deles levou por título ‘Os montes de piñeiro, a sustentabilidade do recurso e a industria da madeira’, e contou coas intervencións de Susana Carneiro (Centro Pinus, Portugal) e de Juan Picos e Julia Armesto (Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Uvigo).

O segundo bloque tématico centrouse nas oportunidades de mercado que se lle presentan ó recurso. Baixo o título ‘A madeira como material esencial na construción’, contouse coas intervencións de Daniel Ibañez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña; de Juan Antonio Gómez – Pintado, presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España; de Sandra Llorente, directora xeral de Lignum Tech; e de Antonio Carlos Rodrigues, director xeral do Grupo Casais. Modera Emma Romero, da plataforma Wood is Wood.

O último dos bloques temáticos titulouse ‘A cooperación Galicia – Portugal’ e incluíu dous relatorios. Un primeiro sobre os retos da mellora xenética e da resiliencia nos montes de coníferas, a cargo de Raquel Díaz (Centro de Investigación Forestal de Lourizán) e de Isabel Carrasquinho, do Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária. O segundo relatorio deste último bloque abordou unha experiencia de cooperación transnacional doutro sector económico con peso en Galicia e Portugal, o metalúrxico, cunha intervención da Federación Luso-Galaica de Industriais Metalúrxicos.

O acto foi clausurado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e contou na inauguración coa participación do director da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, Jacobo Aboal, coa do propio presidente da Fundación Arume, José Carballo, e co presidente do Centro Pinus, Joao Gonçalves.

Mover arriba

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.