A Fundación Arume impulsa un proxecto para que toda a planta de piñeiro de Galicia incorpore o máximo valor xenético
A Fundación Arume proporalle ademais á Consellería do Medio Rural unha redefinición das axudas a montes de coníferas, co obxectivo de promover contratos plurianuais que garantan a xestión silvícola das masas durante o primeiro ciclo do cultivo, de 12 anos
Os avances en mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) consolidaranse a curto prazo cun proxecto impulsado pola Fundación Arume, segundo se concretou este luns na reunión do Padroado da Fundación, celebrada en Santiago. O obxectivo da iniciativa é ampliar ata 5 millóns de plantas ó ano a oferta dos viveiros forestais galegos en coníferas co máximo valor xenético.
Como dato de contexto, no 2019 só un 7% da planta de piñeiro comercializada en Galicia ubicábase nas categorías cualificada e controlada, as dúas que garanten unha mellora xenética. Tres anos despois, no 2022, a raíz do inicio dos programas piloto de mellora xenética impulsados por Arume, xa era un 47% a planta de piñeiro con mellora xenética (dun total de 6 millóns de unidades producidas no 2022).
O obxectivo da Fundación é continuar avanzando de xeito progresivo para que toda a planta que saia dos viveiros da comunidade teña o máximo valor xenético
Para iso, estanse a adaptar e a utilizar en Galicia dúas técnicas innovadoras de produción e mellora de planta de piñeiro:
• Enraizado de estaquillas procedentes de campos de pés nai.
• Embrioxénese somática de sementes de familias melloradas de piñeiro, con crio-conservación.
Esta técnica permitirá a curto prazo crear novos campos de pés nai e, a medio prazo, incorporar novo material ó programa de mellora xenética.
En conxunto, as innovacións na multiplicación de planta buscan poñer a disposición de propietarios forestais e empresas de servizos os mellores materiais xenéticos de piñeiro a unha escala operacional. O programa de mellora xenética das coníferas completarase coa instalación de parcelas demostrativas en monte, de cara a que sirvan de modelo, no marco do plan de divulgación que desenvolverá a Fundación Arume.
O proxecto de mellora xenética, que se iniciará no 2024 cun plan plurianual, dará resposta ó crecemento da demanda de materiais xenéticos mellorados. Ao mesmo tempo, contribuirá tamén a recuperar o interese dos silvicultores galegos polo cultivo de coníferas, pois as plantas con mellora xenética ofrecerán máis produción e rendibilidade, así como maior resiliencia frente a pragas, enfermidades e fenómenos adversos.
A mellora xenética das coníferas é o primeiro chanzo para que a industria da madeira de Galicia poida contar con materia prima da maior calidade. Iso permitiralle cumprir coas esixencias técnicas das liñas de negocio con maior valor engadido, como a madeira para construción, un nicho de negocio que ten perspectivas de crecemento ao longo dos próximos anos.
É de destacar, neste sentido, o compromiso da Xunta de Galicia de que, a partir do 2024, polo menos o 20% das edificacións de promoción pública se constrúan con sistemas de madeira estrutural. A Fundación Arume agradece este compromiso, que representa unha oportunidade para todo o sector.
Proposta de axudas para o fomento de montes de coníferas con madeira de alto valor
En paralelo ó proxecto de mellora xenética da planta de coníferas, a Fundación Arume vai presentarlle á Consellería do Medio Rural unha proposta para redefinir as axudas ós montes de coníferas. O obxectivo é a posta en marcha dun programa de axudas públicas destinado á produción sostible de madeira de alto valor.
De cara a asegurar que as axudas públicas logran o seu resultado, proponse que a liña de apoios para xestión sostible dos montes de coníferas teña un carácter plurianual, con pagos progresivos a medida que se consigan determinados fitos silvícolas, desde o inicio da plantación ata o ano 12.
A proposta da Fundación é que as persoas propietarias forestais que queiran aproveitar estas axudas asinen un contrato coa Administración forestal competente, comprometéndose a desenvolver un determinado itinerario silvícola valorado e especificado nun protocolo contractual ou plan técnico.
A totalidade da axuda para o ciclo máximo de 12 anos establecerase no ano cero da sinatura do contrato e farase efectiva cun calendario de pagos que cubrirán aproximadamente do 70-100% do custo real das operacións a desenvolver para acadar o obxectivo de produción especificado no itinerario silvícola comprometido.
Os modelos silvícolas contractuais establecerán as quendas e as operacións forestais necesarias para alcanzar os seguintes obxectivos de produción de madeira:
• 300 pés/ha mínimo ao finalizar a quenda de corta.
• Nos pés obxecto da corta final: polo menos 4 metros de torada basal sen nós.
• 300 m3/ha de madeira na corta final.
As operacións forestais ao longo do primeiro ciclo de cultivo, de 12 anos, incluirán, como mínimo, as seguintes cuestións: plantación con planta mellorada, reposición de marras, rozas de control da vexetación de competencia, podas de formación e de calidade ata unha altura mínima de 4 metros de fuste, cortas de rareo.
Reunión co PSdeG
No marco das reunións que vén mantendo a Fundación Arume cos grupos políticos con representación no Parlamento galego, esta tarde o Padroado da Fundación mantivo este luns un encontro co PSdeG, co obxectivo de darlle a coñecer o traballo da Fundación e de escoitar as súas inquedanzas e propostas. Por parte do PSdeG, asistíu o seu líder, Xosé Ramón Gómez Besteiro, acompañado doutros dirixentes da formación.