A construción en madeira, unha oportunidade para acurtar prazos na ampliación do parque de vivenda
‘Piñeiros 24’ presentou a experiencia de promotores e arquitectos na construción en madeira, un material que ofrece solucións a dous grandes desafíos: descarbonizar a economía e construír vivendas máis rápido
A Fundación Arume desenvolve hoxe na Cidade da Cultura de Santiago o encontro ‘Piñeiros 24, foro de coñecemento entre Galicia e Nova Aquitania – Francia’. O evento, que chega este ano á súa cuarta edición, convertiuse xa nunha referencia internacional na análise da cadea forestal – madeira de coníferas, este ano con coprotagonismo para Nova Aquitania – Francia.
O programa do evento enfocouse a abordar tres temas principais: a construción en madeira, experiencias en montes de coníferas e a innovación en toda a cadea forestal – madeira. A xornada conta coa financiación da Xunta de Galicia, a través de XERA Axencia Galega da Industria Forestal.
A primeira parte da xornada contou con arquitectos e promotores que explicaron distintos proxectos de construción en madeira, subliñando as vantaxes competitivas que ofrece a madeira na actualidade.
A conferencia principal correu a cargo do arquitecto Christophe Ouhayoun, fundador do estudio KOZ, un dos que liderou o deseño das infraestruturas de madeira dos Xogos Olímpicos de París. Christophe resumiu os motivos que o impulsaron a comezar a traballar con madeira hai dúas décadas en “razóns subxectivas”, como “a fermosura e o confort” que transmite, xunto a “razóns obxectivas”, como o cambio climático e a necesidade dunha maior sostibilidade na construción.
Loita contra o cambio climático e vivenda
Desde a perspectiva do presidente da Fundación Arume, José Carballo, dúas son a día de hoxe as claves principais da madeira como materia prima para a construción. Primeiro, a loita contra o cambio climático, pola redución da pegada de carbono que ofrece a madeira, pois cómpre lembrar que as árbores durante a súa vida captan carbono da atmósfera. E en segundo lugar, pola redución de prazos que ofrece a construción industrializada en madeira.
A construción industrializada en madeira é un cambio de paradigma no sector, pois pásase de facer o edificio en obra a facelo en fábrica, reducíndose a obra a unha montaxe dunhas poucas semanas. “A madeira ofrece unha oportunidade evidente para acurtar os prazos na ampliación do parque de vivendas, que é unha das principais demandas sociais”, subliña Carballo.
Tendo en conta todo o proceso de deseño, produción e montaxe, a construción en madeira permite acurtar os prazos das edificacións de vivendas en altura ata en máis dun 50%, en comparación coas obras convencionais.
“Na construción en madeira, hai unha parte importante de deseño e proxecto, que leva tempo, pero ten un custo menor; e unha parte de obra moi curta, que é a que tradicionalmente ten maior custo. Polo tanto, cando se di que a madeira é un material máis caro cómpre facer ben as contas, xa que hai que ter en conta os aforros que xera na obra”, subliña.
Compromisos da Xunta
Na clausura da xornada de mañá, o presidente da Fundación Arume emprazou ó presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a empregar as posibilidades que ofrece a madeira para impulsar o parque público de vivenda, acurtando os prazos de execución.
Rueda recolleu o guante e insistiu no seu compromiso de que “a madeira represente o 20% dos materiais das vivendas públicas de Galicia”, en alusión a unha posible construción híbrida formigón – madeira, unha das opcións de deseño que se viu na xornada. “No 2028 teremos 4.000 vivendas públicas máis e o 20% dos materiais que empreguemos nelas serán madeira”, sinalou.
En canto á potencialidade da construción de vivendas en madeira, Rueda incidiu na necesidade de que o compromiso da Xunta na materia sirva de exemplo ós promotores privados, así como a outras institucións públicas, como os Concellos.
Experiencias en montes
A oportunidade que representa a madeira para a vivenda é recíproca, pois a vivenda tamén constitúe unha oportunidade para os montes de piñeiros orientados a unha silvicultura de calidade, que ven na vivenda un destino que valoriza a materia prima.
Propietarios particulares e comunidades de montes que coidan os seus montes cunha silvicultura de calidade, con rozas, podas e rareos, teñen a expectativa de que a construción en madeira sirva de tractor de toda a cadea forestal – madeira de coníferas, de xeito que a demanda deste segmento contribúa a fortalecer os prezos
da materia prima. Esta, defenden, é a mellor vía para garantir o coidado dos piñeirais de cara ó futuro, evitando o seu abandono.
Desde a Fundación Arume, o seu presidente, José Carballo, reclamou un maior investimento público no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, de cara a fortalecer o seu traballo en coníferas. O obxectivo é avanzar máis e máis rápido na calidade xenética das plantas de piñeiro, de xeito que sexan máis produtivas e máis sans.
Innovación
Un terceiro foco de Piñeiros 24 estivo na innovación en toda a cadea forestal - madeira, con presentacións que abordan esta tarde cuestións como as biorrefinerías baseadas en piñeiro, con obtención de produtos de valor para numerosas industrias (bioadhesivos, espumas, resinas, etc.).